Friday 26 de April de 2024

O Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia estará presente na Feira dos Camiños de Santiago: Fairway 2019


Os alcaldes e presidentes das asociacións que traballan na oficialización desta ruta Xacobea reuniranse o vindeiro luns no Pazo de Exposicións e Congresos de Santiago de Compostela

O Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia estará presente cun stand na Feira dos Camiños de Santiago “Fairway 2019”, que terá lugar do 10 ao 12 de febreiro no Pazo de Exposicións e Congresos de Santiago de Compostela. Unha iniciativa de promoción contratada polo Xeodestino Ría de Muros-Noia e que será financiada na súa totalidade pola ARD Ría de Muros Noia.

A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia, coordinadora da agrupación de Concellos do Itinerario Cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “trátase dunha feira moi interesante porque nos permitirá dar a coñecer a nosa candidatura a Camiño Xacobeo diante de 35 turoperadores, axencias de viaxe, centrais de reservas e axencias online así como ante máis de 120 organismos públicos e privados vinculados ao Camiño: hostaleiros, xeodestinos, mancomunidades, concellos, empresas de transporte, desarrolladores de aplicacións móbiles… Un espazo no que están previstas máis de 1.400 reunións de traballo en só dous días”.

A participación en Fairway 2019 xurde dun acordo unánime tomado na última xunta directiva da ARD Ría de Muros-Noia para seguir impulsando accións de promoción e comunicación que reforcen o traballo que os nove municipios (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela) e as distintas asociacións da contorna están realizando para o recoñecemento oficial do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia.

Stand

O stand ofrecerá unha visión institucional desta candidatura e do traballo que concellos e asociacións están realizando para conseguir a oficialización deste trazado xacobeo, xa que o produto turístico final pretende ser lanzado no Xacobeo 2021. O servizo de información do stand será asumido pola Asociación de Amigos do Camiño da Ría de Muros-Noia.

Ademais, para ir preparando o terreo de cara ao lanzamento definitivo do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia, no stand estarán presentes, con mostrador propio e folletos, as rutas de peregrinación náutica que están cobrando forma de cara ao Xacobeo 2021 e que teñen portos de chegada na ría de Muros-Noia: a “Travesía Náutica Xacobea” (no Náutico de Portosín procedentes de Ribadeo e Vigo) e “Navega o Camiño” e “Sail de Way” (dende os portos do Cantábrico ata o de Muros).

Reunión o luns

Finalmente, Teresa Villaverde convocou a todos os alcaldes e presidentes das asociacións que están traballando no proxecto de declaración a unha reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia que terá lugar o luns 11 de febreiro, ás 10:00 horas, no propio stand en Fairway (Pazo de Exposicións e Congresos de Santiago de Compostela).